28 jun. 2014

O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA QUE SE REFORCE A CONSIDERACIÓN DO VIÑO COMO ALIMENTO NATURAL E POSITIVO NO SEU CONSUMO RESPONSABLE


O deputado Moisés Blanco salientou, ademais, que se manteña a taxa cero sobre o viño en materia de imposición fiscal



O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA QUE SE REFORCE A CONSIDERACIÓN DO VIÑO COMO ALIMENTO NATURAL E POSITIVO NO SEU CONSUMO RESPONSABLE


  • O Grupo Popular tamén se posicionou a favor de que no anteproxecto de Lei de prevención do consumo de alcohol non se equipare o viño e a cervexa co resto de bebidas alcohólicas

Santiago, 27 de xuño de 2014.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que manteña unha taxa cero sobre o viño en materia de imposición fiscal, no relativo aos impostos sobre bebidas alcohólicas, ao tempo que se reforce a consideración do viño como alimento natural e positivo no seu consumo responsable. O Grupo Popular tamén se posicionou a favor de solicitar a retirada no anteproxecto de Lei de prevención de consumo de alcohol da equiparación do viño e a cervexa co resto de bebidas alcohólicas.



O deputado popular Moisés Blanco sinalou que “o borrador do anteproxecto de Lei para previr o consumo de alcohol por menores está xerando un amplo rexeitamento entre produtores e bodegueiros pola posibilidade de que o viño teña o mesmo tratamento que as bebidas de alta graduación”. Neste sentido, recordou que “son os mesmos motivos que motivaron hai sete anos a mobilización do sector na defensa da consideración do viño como alimento, conseguindo que se freara a norma que impulsara a entón responsable de Sanidade do Goberno socialista, Elena Salgado”.


Blanco puxo de manifesto “a oportunidade” desta proposición non de lei, logo de que o Ministerio de Sanidade informara nos últimos días que “o Goberno tan só presentou un borrador para abrir un proceso de negociación cos sectores afectados no que nada está pechado, xa que ten como única premisa a prevención do consumo de alcohol polos menores ante a evidencia de que existe un problema ao respecto”.



RESPONSABILIDADE


Consideramos que o consumo de alcohol en adultos é unha cuestión de responsabilidade de cada quen, polo que desde o Grupo Popular non podemos estar de acordo con que se inclúan pautas para limitar este consumo en adultos para evitar que os menores consuman”, dixo o deputado popular.

Moisés Blanco explicou que “España é o primeiro produtor mundial de viño, pero ten uns niveis de consumo que foron claramente á baixa nos últimos anos”. “Cómpre seguir contemplando que o viño consumido responsablemente é un produto saudable, polo que en ningún caso debemos restrinxir o seu consumo por parte deste tipo de destinatarios”, apuntou.


Por todo isto, o deputado popular considerou “positivo acadar un acordo unánime do Parlamento de Galicia para que se manteña unha taxa cero sobre o viño en imposición fiscal e se reforce a posición do viño como un alimento natural, evitando a equiparación que se pretende facer no borrador do proxecto de lei de equiparalo co resto das bebidas alcohólicas”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario