19 nov 2014

O PP DE O BARCO VOLVE A SOLICITAR NA COMISIÓN DE MEDIO AMBIENTE A REBAIXA DA TAXA DO LIXO PARA O ANO 2015

  
  • Moisés Blanco lembra que “no mes de maio o alcalde comprometérase a revisar a taxa en decembro, cando se descoñecía a rebaixa que aplicaría Sogama, e agora négase tras falar de éxito na campaña de reciclaxe” 
  •  
  • Moitos concellos de España, de Galicia e mesmo da provincia, como Verín ou Xinzo, aplicaron rebaixas das súas taxas aplicando a porcentaxe negativa do IPC, algo que no Barco soamente se realiza se é positivo e polo tanto supón a subida de impostos  
  •  
  • SOGAMA aplicará unha rebaixa do 10 por cento no canon que cobra os concellos, e o lóxico sería que O Barco establecese a mesma rebaixa nos recibos
 
O Barco de Valdeorras, 19 de novembro de 2014.- O portavoz do PP de O Barco, Moisés Blanco Paradelo, manifestou esta mañá que na Comisión de Medio Ambiente que se celebrou no día de onte, o grupo popular volveu a solicitarlle ao goberno municipal a rebaixa do recibo da taxa de recollida do lixo que terán que pagar os veciños e veciñas para o ano 2015.
 


Esta nova solicitude chega despois de que o grupo de goberno rexeitase unha moción que presentaran os populares barquenses no debate do pleno municipal celebrado o pasado 6 de novembro.
 


Moisés Blanco lembra que “no mes de maio o alcalde comprometérase a revisar a taxa en decembro, cando se descoñecía a rebaixa que aplicaría Sogama, e agora négase a facelo, tras falar de éxito na campaña de reciclaxe”.
 


O Portavoz popular afirma que “estamos convencidos de que, logo da redución do canon que Sogama lle cobra aos concellos, a rebaixa da taxa do lixo é algo xusto e razoable, tendo en conta, ademais, que o IPC segue sendo negativo e polo tanto, conxelando as taxas como pretende o alcalde, os barquenses pagarán máis impostos municipais para o ano 2015”.
 


Engade Blanco Paradelo, que “moitos concellos de España, de Galicia e mesmo da provincia, como Verín ou Xinzo, aplicaron rebaixas das súas taxas aplicando a porcentaxe negativa do IPC, algo que no Barco soamente se realiza se é positivo e polo tanto supón a subida de impostos para os veciños e veciñas”.
 



NOVA SOLICITUDE NA COMISIÓN DE MEDIO AMBIENTE
 

Por iso o grupo popular volveu a insistir na Comisión de Medio Ambiente que se celebrou onte no concello. Carlos Javier Crespo, edil popular responsable da área de medio ambiente lembrou que “o Consello de Administración de Sogama acordou unha rebaixa do 10 por cento no canon que cobra aos 296 concellos adheridos, que terá efecto a partir do vindeiro mes de xaneiro”.

O concelleiro popular recordou que desde o pasado mes de xullo, os veciños e veciñas de O Barco pasaron a pagar máis polo recibo do lixo, logo de que o goberno deste Concello, tras iniciar unha campaña de reciclaxe e anunciar incluso posibles rebaixas si se cumprían as súas previsións, acordara unha suba desta taxa no pleno de maio.


Carlos Javier Crespo, manifestou que “resulta totalmente contraditorio que despois de que o propio alcalde lle dixera aos barquenses que si reciclaban ben non faría falta subir o recibo do lixo e mesmo se podería efectuar unha rebaixa da taxa, o mesmo tempo desde o Concello se presuma de éxito na reciclaxe e, logo da rebaixa de Sogama, se neguen a baixala”.

12 nov 2014

O PP DE O BARCO CRITICA A INACCIÓN DO GOBERNO LOCAL ANTE O NOVO PECHE DA BIBLIOTECA MUNICIPAL


  • A concelleira popular, Manuela Rodríguez, esixe explicacións ao Concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, quen volveu a amosar que non ten ningún plan alternativo
  • Os populares consideran que o Grupo de Goberno está máis preocupado por cubrir outros postos de traballo, con fines máis electoralistas, e non para prestar os servizos públicos necesarios
  • O Concello ten descoidado aos máis pequenos, con poucas actividades culturais, así como na proxección de películas infantís, que cada vez son máis escasas.

O Barco de Valdeorras.- 11 de novembro de 2014. A Concelleira do Grupo Municipal Popular, responsable da área de cultura, Manuela Rodríguez, criticou que novamente o servizo público da Biblioteca volva a estar pechado polas mañás.


Manuela Rodríguez, pregúntase “como pode estar un edificio público como a biblioteca pechada polas mañás, que é cando máis xente se está formando, e máis se necesita de este servizo debido ao aumento de formacións en mozos e adultos”.


Así mesmo, a concelleira sinala que se encontran actualmente dous traballadores do Concello en baixa laboral, e os seus servizos prestados non son substituídos por ningún outro persoal de traballo do Concello, escusándose tanto o Alcalde como o Concelleiro de Cultura, coa Deputación de Ourense e máis a Xunta de Galicia, cando “o verdadeiro motivo é a insuficiente planificación e a mala xestión da que ten por costume presumir o Grupo de Goberno, mentres as veciñas e veciños non dispoñen do servizo.


Os populares barquenses consideran que o Grupo de Goberno está máis preocupado por cubrir outros postos de traballo, con fines máis electoralistas, e non para prestar os servizos públicos necesarios.



ACTIVIDADES PARA OS MÁIS PEQUENOS


Manuel Rodríguez tamén lembrou que este Concello ten descoidado aos máis pequenos, con moi poucas actividades culturais. Como exemplo destaca as escasas proxección de películas infantís ou outro tipo de representacións.