O
deputado Moisés Blanco salientou, ademais, que se manteña a taxa
cero sobre o viño en materia de imposición fiscal
O
PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA
QUE SE REFORCE A CONSIDERACIÓN DO VIÑO COMO ALIMENTO NATURAL E
POSITIVO NO SEU CONSUMO RESPONSABLE
- O Grupo Popular tamén se posicionou a favor de que no anteproxecto de Lei de prevención do consumo de alcohol non se equipare o viño e a cervexa co resto de bebidas alcohólicas
Santiago,
27 de xuño de 2014.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por
unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través
da que se solicita ao Goberno central que manteña unha taxa cero
sobre o viño en materia de imposición fiscal, no relativo aos
impostos sobre bebidas alcohólicas, ao tempo que se reforce a
consideración do viño como alimento natural e positivo no seu
consumo responsable. O Grupo Popular tamén se posicionou a favor de
solicitar a retirada no anteproxecto de Lei de prevención de consumo
de alcohol da equiparación do viño e a cervexa co resto de bebidas
alcohólicas.
O
deputado popular Moisés Blanco sinalou que “o borrador do
anteproxecto de Lei para previr o consumo de alcohol por menores está
xerando un amplo rexeitamento entre produtores e bodegueiros pola
posibilidade de que o viño teña o mesmo tratamento que as bebidas
de alta graduación”. Neste sentido, recordou que “son os mesmos
motivos que motivaron hai sete anos a mobilización do sector na
defensa da consideración do viño como alimento, conseguindo que se
freara a norma que impulsara a entón responsable de Sanidade do
Goberno socialista, Elena Salgado”.
Blanco
puxo de manifesto “a oportunidade” desta proposición non de lei,
logo de que o Ministerio de Sanidade informara nos últimos días que
“o Goberno tan só presentou un borrador para abrir un proceso de
negociación cos sectores afectados no que nada está pechado, xa que
ten como única premisa a prevención do consumo de alcohol polos
menores ante a evidencia de que existe un problema ao respecto”.
RESPONSABILIDADE
“Consideramos
que o consumo de alcohol en adultos é unha cuestión de
responsabilidade de cada quen, polo que desde o Grupo Popular non
podemos estar de acordo con que se inclúan pautas para limitar este
consumo en adultos para evitar que os menores consuman”, dixo o
deputado popular.
Moisés
Blanco explicou que “España é o primeiro produtor mundial de
viño, pero ten uns niveis de consumo que foron claramente á baixa
nos últimos anos”. “Cómpre seguir contemplando que o viño
consumido responsablemente é un produto saudable, polo que en ningún
caso debemos restrinxir o seu consumo por parte deste tipo de
destinatarios”, apuntou.
Por
todo isto, o deputado popular considerou “positivo acadar un acordo
unánime do Parlamento de Galicia para que se manteña unha taxa
cero sobre o viño en imposición fiscal e se reforce a posición
do viño como un alimento natural, evitando a equiparación que se
pretende facer no borrador do proxecto de lei de equiparalo co resto
das bebidas alcohólicas”.