27 feb 2014

O DEPUTADO E VOCEIRO DO PP DO BARCO ENTREGOULLE O EXPEDIENTE DA OBRA DO ALBERGUE DE XAGOAZA AO CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE PARA QUE O SEU DEPARTAMENTO INFORME SOBRE POSIBLES ILEGALIDADES


  • Informacións periodísticas amosan que meses despois de que o alcalde de O Barco e vicepresdente da FEGAMP firmara a acta de recepción o albergue estaba en “ladrillos” segundo Moisés Blanco  
  • A obra foi financiada en novembro do 2007 pola Consellería de Medio Ambiente “sendo conselleiro Manuel “Pachi” Vázquez” 
  • O prazo de execución era de 6 meses e, se atendemos aos datos da documentación do expediente de obra, executouse en 3 meses e 15 días” indicou o deputado popular

Santiago, 26 de febreiro de 2014.- O voceiro do PP do Barco e deputado autonómico, Moisés Blanco Paradelo, fixo entrega dunha copia do expediente da obra “Casa da Natureza-Albergue de Xagoaza” ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para que sexa estudado polos técnicos do seu departamento.

O voceiro popular informou ao conselleiro de que o seu grupo considera que “existen moitas evidencias para crer que estamos ante un posible feito de falsidade documental na recepción das obras”.


Moisés Blanco explicoulle que existen dúas informacións de prensa nas que se observa, a través de fotografías, que as obras continuaron meses despois da firma da acta de recepción.


O 28 de novembro do 2007 o alcalde de O Barco e vicepresidente da Fegamp firmou a acta de recepción, aceptando que as obras realizadas son as que figuran comprendidas no proxecto vixente e foron executadas con cargo ao orzamento (299.700 euros), aprobado ao efecto” segundo o Blanco Paradelo.


O voceiro popular continúa explicando que “o 15 de xaneiro do 2008 o periódico La Región publicou unha noticia con fotografía, na que se vía o albergue en ladrillos”. E noutra información periodística, do 26 de xullo dese ano, se indicaba que era entonces cando finalizaban os traballos de construción e o propio concelleiro de Obras manifestaba que “nestes intres resta por acondicionar o entorno do refuxio, ademais de equipalo co mobiliario”.

 
Recorda Moisés Blanco que tampouco nesa data, é dicir 7 meses despois da firma da acta de recepción, “podería considerarse que a obra estivera terminada e executada na súa totalidade, posto que o proxecto tamén consta no Capítulo IV. IX. Mobiliario con 4.086,6 euros e por declaracións do propio concelleiro de Obras a construción non tiña aínda o mobiliario”.



PRAZO DE EXECUCIÓN

O voceiro popular indicou que, segundo consta no proxecto, o prazo de execución do albergue era de 6 meses. “Se facemos caso das datas que figuran nos documentos do expediente a obra executouse en 3 meses e 15 días e estes prazos son pouco creibles o que suporía unha proba mais da presunta falsidade documental na firma da acta da recepción da obra”.


ADXUDICACIÓN DA OBRA

Os populares apuntan tamén a irregularidades na adxudicación da obra. Así, Moisés Blanco explicou que , unha vez que quedou deserto o primeiro concurso, realizouse un proceso de negociado sen publicidade, coa invitación ao mesmo de tres empresas. Presentáronse dous que non cumpriron os requisitos posto que non tiñan a clasificación técnica requirida e un día despois de finalizar o prazo presentouse outra empresa que resultou adxudicataria da obra “obviando os informes de fiscalización desfavorables e levantando o alcalde os reparos para continuar coa tramitación” segundo Moisés Blanco.



INFORME DA CONSELLERÍA

O deputado popular entregoulle unha copia do expediente a Agustín Hernández, posto que foi a Consellería de Medio Ambiente a que financiou a obra cando Manuel “Pachi” Vázquez era conselleiro no 2007, e solicitoulle un informe sobre todo o proceso, dende a adxudicación ata a recepción das obras.

O voceiro popular tamén informou aos servizos xurídicos do PP e “xa están estudando posibles accións legais” e que presentarán iniciativas no Concello para que se dean as oportunas explicacións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario