O deputado Moisés
Blanco solicita favorecer o recoñecemento do labor que desenvolveu este figura
literaria ao longo da súa vida en prol de Galicia e da súa cultura
O GRUPO POPULAR INSTA Á XUNTA A DIFUNDIR A FIGURA DO POETA VALDEORRÉS
FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, CON MOTIVO DO 110 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO
· O deputado popular cualifica a Florencio
Delgado como “un deses persoeiros que asumiu no seu percorrido vital un
destacado compromiso con Galicia e coa súa cultura, levado a cabo en gran parte
desde o exilio
Santiago, 26 de abril de 2013.- O deputado do Grupo Popular Moisés
Blanco vén de presentar unha proposición non de lei a través da que insta á
Xunta de Galicia a difundir a figura do poeta valdeorrés Florencio Delgado
Gurriarán e a favorecer o recoñecemento do labor que desenvolveu ao longo da
súa vida en prol de Galicia e da súa cultura.
Moisés Blanco recorda que “este ano
se celebra o 110 aniversario do nacemento deste poeta, unha conmemoración que
constitúe unha oportunidade para recuperar e dar a coñecer entre a cidadanía a
súa traxectoria vital e profesional”. En concreto, o deputado popular cualifica
a Florencio Delgado como “un deses persoeiros que asumiu no seu percorrido
vital un destacado compromiso con Galicia e coa súa cultura, levado a cabo en
gran parte desde o exilio”.
MERECENTE DO RECOÑECEMENTO
“O traballo desenvolvido como
escritor e recollido en obras como Bebedeira,
Galicia infinda ou Cantarenas; o seu labor na Real Academia
Galega como membro non numerario; o seu nomeamento como membro emérito do
Instituto de Estudos Valdeorreses, coa letra V; a súa implicación en proxectos
culturais como as revistas Saudade e Vieiros; e a súa dedicación á causa
política a prol do progreso e do benestar de Galicia fano merecente do
recoñecemento da sociedade galega e das súas institucións”, afirma Blanco.
O deputado popular subliña na súa
proposición que Delgado Gurriarán “xa conta co recoñecemento da sociedade
valdeorresa a través da organización de diferentes actos públicos nos que se
ensalza a súa figura por parte de entidades culturais, educativas, sociais ou
políticas”.