28 sept 2013

MOISÉS BLANCO CONSIDERA “INCOHERENTE QUE OS SOCIALISTAS PIDAN AXUDAS PARA AS DENOMINACIÓNS DE ORIXE DE VALDEORRAS CANDO AÍNDA NON ESTÁN VALORADOS OS DANOS CAUSADOS NA COLLEITA


O deputado popular reitera que a Xunta “amosou a súa preocupación polos posibles danos e prestou o seu apoio para que se poida acceder ás subvencións para situacións de emerxencia ou catástrofe”



MOISÉS BLANCO CONSIDERA “INCOHERENTE QUE OS SOCIALISTAS PIDAN AXUDAS PARA AS DENOMINACIÓNS DE ORIXE DE VALDEORRAS CANDO AÍNDA NON ESTÁN VALORADOS OS DANOS CAUSADOS NA COLLEITA


  • Non é certo que haxa restricións na partida destinada a seguros agrarios e mostra delo é que ninguén que solicitara axuda para o seguro durante o pasado ano quedou sen atender por parte da Xunta”, asegurou.


  • Criticou que o BNG obvie o acordo acadado o pasado 25 de setembro entre a Xunta e os representantes do sector sobre o contrato homologado na denominación de orixe do Ribeiro


Santiago, 27 de setembro de 2013.- O deputado popular Moisés Blanco considerou hoxe “incoherente que os socialistas estean a pedir unha liña de axudas da Xunta para a denominación de orixe Valdeorras, cando aínda non están valorados os danos causados na colleita deste ano”. Neste sentido, reiterou que o Goberno galego “xa amosou a súa preocupación polos posibles danos e prestou o seu apoio para que o Consello Regulador poida acceder ás subvencións para situacións de emerxencia ou catástrofe”.


Moisés Blanco manifestou no Parlamento que “é necesario esperar a que remate a vendima para facer unha valoración e poder cuantificar as perdas na produción deste ano”. “Non ten sentido falar de axudas, cando o propio Consello de Denominación de Orixe non ten claro o resultado da vendima deste ano”, apuntou.


OPTIMISMO PARA ESTA CAMPAÑA


Neste sentido, o deputado popular amosou o seu “optimismo de cara á campaña deste ano, logo de que desde o propio Consello Regulador se destacou a boa calidade da uva, aínda que a colleita sexa algo menor que o pasado ano”.


Blanco reiterou que “a Consellería do Medio Rural xa amosou a súa preocupación polos posibles danos e prestou o seu apoio, tanto a nivel de asesoramento como de información, para que se o Consello Regulador o considera oportuno poida acollerse ás axudas fixadas no Real Decreto 477/2007, que regula as subvencións para as situación de emerxencia ou de natureza catastrófica”.
Ademais, apuntou que “a Xunta de Galicia aposta polos seguros agrarios e mostra disto é que neste mesmo ano destinou a este fin 6 millóns de euros para axudar á súa contratación, mantendo as mesma porcentaxe de axuda que en anos anteriores”. “Non é certo que haxa restricións na partida destinada a seguros agrarios e mostra dilo é que ninguén que solicitara axuda para o seguro durante o pasado ano quedou sen atender por parte da Xunta”, asegurou.


Compartimos a preocupación pola situación que viven os produtores da denominación de orixe Valdeorras, pero para nada compartimos a visión catastrofista que queren vender os socialistas”, sinalou o deputado popular.


DEFENSA DO SECTOR DO VIÑO POLA XUNTA
Na súa intervención na Comisión 7ª, Moisés Blanco dixo que “a Xunta está a defender o sector do viño a través de axudas para mellorar a produción e comercialización, a reestruturación e reconversión do viñedo, para modernización de adegas, para promoción dos viños por un valor superior a 10 millóns de euros”.
Neste sentido, destacou a nova liña de axudas que porá en marcha o IGAPE, por un importe de 400.000 euros, para facilitar o acceso ao financiamento das adegas para adquisición de uva. “Estas axudas estarán ligadas aos modelos de contratos homologados, para demostrar o apoio e impulso a este tipo de sistema que garante o equilibrio do prezo entre produtores e adegas”, anotou.



ACORDO NO RIBEIRO


Respecto ao establecemento de contrato homologado na denominación de orixe do Ribeiro, Moisés Blanco criticou que “o BNG retome unha proposición presentada no mes de marzo, sen facerlle cambio algún e sen recoñecer as novidades que houbo nas últimas datas”. Así, recordou que o pasado 25 de setembro, na quinta reunión que mantivo a Consellería do Medio Rural con representantes do sector, chegouse a un acordo que asinaron as tres organizacións agrarias e un importante número de adegas para as campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015, co que esta denominación é, xunto coa Rías Baixas, a segunda en Galicia que conta con este tipo de contratos.
O portavoz popular salientou o resultado acadado polas cinco denominacións de orixe galegas durante o pasado 2012, cualificando de “récord histórico en canto a viño comercializado, superando os 36 millóns de litros cun valor de 150 millóns de euros”.
Dentro de todos os sectores, pódese dicir que o do viño ten un comportamento positivo, que se demostra a través das exportacións, que creceron un 30 por cento, ou o incremento neste último ano máis dun 22 por cento en volume e un 42 por cento en valor, segundo os datos do Observatorio Español do Mercado do Viño”, subliñou.


No hay comentarios:

Publicar un comentario