27 ene 2011

Núñez Feijoo e Moisés Blanco analizan os proxectos de futuro de O Barco e a comarca de Valdeorras


O portavoz do Partido Popular de O Barco e candidato á Alcaldía, Moisés Blanco, analizou nun encontro de traballo co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, os proxectos que nos vindeiros anos deben “impulsar cara a modernidade e á excelencia de servizos” ao municipio barquense e por extensión a toda a comarca de Valdeorras.

Emprego, economía e infraestruturas centraron o encontro que Moisés Blanco e Núñez Feijoo mantiveron en Santiago de Compostela, no decurso do cal analizaron a importancia de que se executen os prazos do proxecto da autovía A-76, como porta de entrada a Galicia, “e eixe vertebrador e dinamizador de Valdeorras”, unha infraestrutura que terá que vir precedida da construción da circunvalación de O Barco e da mellora dos servizos de transporte ferroviario. Todos estes son temas que, aínda que dependen do Goberno do Estado, contarán coa reivindicación constante da Xunta de Galicia, e que tanto Blanco como Feijoo consideran “que os socialistas deben desatascar, polo ben das veciñas e veciños de O Barco e a súa contorna”, explica Moisés Blanco.

A gravidade da actual crise foi tamén un dos asuntos que ocupou boa parte do encontro de Moisés Blanco co presidente da Xunta. Actualmente no Barco hai 1.252 persoas en paro, e máis de 2.700 en toda a comarca “persoas que, máis aló dos números, son realidades humanas de familias que o están a pasar moi mal, e por elo temos que poñer en marcha proxectos que sexan eficaces para poder crear emprego potenciando as fortalezas económicas do noso municipio e comarca e buscando alternativas reais a principal fonte de emprego como é a lousa”, explica Moisés Blanco.

En canto á economía, Blanco e Feijoo coincidiron na necesidade de que hai que acadar para O Barco un chan industrial máis competitivo. As comarcas veciñas de Castela e León ofrecen chan industrial a un prezo máis baixo, ademais de ter mellores comunicacións con respecto á A-6. “O obxectivo é que ningunha empresa abandone Galicia por mor do custe do chan ou polas infraestruturas das comunicacións. Neste sentido, impulsaranse liñas de axudas específicas para as empresas, axudas que, sumadas ás do IGAPE e ao Plan Impulsa Ourense, permitirán abaratar o custe do chan industrial en Valdeorras”, explica Moisés Blanco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario