16 nov 2010

O PP DE O BARCO REXEITA A "ACTITUDE HIPÓCRITA" DO ALCALDE NO TEMA DA PRAZA ÁLVARO CUNQUEIRO

O portavoz do Partido Popular no Concello de O Barco, Moisés Blanco, afirma que o alcalde de O Barco “mostra unha actitude hipócrita ao negar, demonizar e rexeitar as propostas do Partido Popular, para logo levalas a cabo”, en referencia á polémica veciñal ocasionada por mor da praza Álvaro Cunqueiro.

Moisés Blanco afirma que no último pleno, celebrado o pasado 4 de Novembro, o grupo de goberno socialista rexeitaba por segunda vez unha moción popular que pedía a execución do aval da praza Álvaro Cunqueiro xa que a obra atopábase paralizada desde que a empresa construtora entrou en concurso de acredores.

Hai un ano, o PP solicitara no pleno a execución deste aval, sendo rexeitada a proposta co argumento de que había que esperar a que o xuíz ditase sentenza respecto diso. “Incluso, o alcalde pediu a retirada da moción, algo ao que o PP se negou por entender que era necesario acelerar unha solución ao problema creado”.

Explica Moisés Blanco que hai uns días aconteceu algo similar, pero esta vez a resposta do alcalde estivo chea de descualificacións cara ao portavoz do PP, quen pretendía que, transcorrido un ano, a moción servise para tomar unha decisión ante o posible risco de que o aval puidese perderse no tempo, e ao mesmo tempo que o debate público apremases unha resolución do asunto.

Tan só 7 días despois, e sen que o xulgado ditase sentenza algunha, o alcalde decide que agora hai que aprobar o expediente para a execución do aval, e leva o asunto a comisión de obras de hoxe luns, 15 de novembro. “Con esta actitude vese que o alcalde carece dun criterio firme e que descoñece os procedementos. Demostra que non lle importa facer o ridículo negando con toda vehemencia un asunto, para poñelo en marcha aos poucos días”, afirma Moisés Blanco.

O portavoz popular considera que por respecto “aos valores democráticos o alcalde debería pedir desculpas públicas ao Partido Popular, quen tan só pretendía dunha forma construtiva solucionar un problema para que todos os veciños e veciñas de O Barco puidesen gozar dun espazo publico necesario como o é esta praza”.

“Este alcalde xa sabe o que é perder un baixo público e algún que outro IVE por descoidos e por falta de dilixencia nas xestións, e por elo queremos evitar que esta situación se repita de novo, perxudicando os intereses de todos os veciños e veciñas de O Barco. Por iso o Partido Popular, na Comisión de Obras votará a favor de que se poña en marcha o expediente de execución do aval, e a praza sexa unha realidade canto antes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario