- Na xuntanza acordaron solicitar do Ministerio de Medio Ambiente que acelere os traballos de redacción da declaración de Impacto Ambiental do proxecto para posibilitar a aprobación definitiva do estudio informativo da autovía.
- Solicitan asemade que, logo dese trámite, o Ministerio de Fomento acorde a licitación da redacción dalgúns dos proxectos dos tramos da autovía, priorizando aqueles que resulten máis necesarios.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo unha reunión no
Pazo Provincial con parlamentarios, deputados e alcaldes para analizar a
situación do proxecto da autovía A-76 e solicitar do Ministerio de Medio
Ambiente que acelere os traballos de redacción da declaración de Impacto
Ambiental do proxecto para posibilitar a aprobación definitiva do estudio
informativo da autovía. Tamén acordaron solicitar do Ministerio de Fomento, unha
vez cumplimentado ese trámite, que acorde a licitación da redacción dalgúns dos
proxectos dos tramos da autovía, priorizando aqueles que resulten máis
necesarios.
Na reunión participaron xunto a Manuel Baltar o deputado no Congreso Celso
Delgado; a senadora Carmen Leyte; os parlamentarios autonómicos Julia Álvarez e
Moisés Blanco; o alcalde de A Rúa e deputado provincial, Avelino García
Ferradal, e o tamén deputado provincial Plácido Álvarez Dobaño. O alcalde de
Ponferrada, Carlos López, aínda que non estivo presente na reunión comunicou a
súa adhesión aos acordos da xuntanza a prol da A-76.
Todos concordaron en que a autovía Ourense-Ponferrada A-76 é unha actuación
de gran transcendencia para a vertebración da Galicia interior, constituíndo un
terceiro acceso de gran capacidade desde Galicia cara Castela-León (ademais da
A-6 e da A-52) e que a N-120 (Logroño-Vigo) está superada, especialmente en
determinados tramos.
Comparten as demandas das organizacións empresariais e dos concellos que
reclaman esta autovía e recoñecen e valoran o compromiso da ministra de Fomento,
Ana Pastor, coa A-76, como o acredita o feito de que esta autovía teña sido
incluída no Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda.
Dadas as actuais dificultades económicas, que conlevan fortes reducións
orzamentarias e obrigan a reprogramar actuacións en materia de infraestruturas,
os representantes políticos e institucionais acordaron solicitar que a redacción
dos proxectos dos tramos que se realicen –unha vez acadada a declaración de
impacto ambiental- se faga tendo en conta a eficiencia necesaria da
infraestrutura e os antecedentes e incidencias na explotación da actual vía de
comunicación entre O Bierzo, Valdeorras-Terras de lemos e Ourense, que é a
N-120.
Asemade, recoñecen o esforzo e a celeridade cos que o Ministerio de Fomento
resolveu os problemas plantexados na N-120 no túnel da Barosa, que permaneceu
pechado para realizar unhas obras de emerxencia; e que se constata a
incapacidade da N-536 como vía alternativa ante o peche da N-120. Finalmente
demandan a Fomento a rápida continuación dos traballos de rehabilitación
estrutural e de reparación do firme na N-120 e na N-536, cuxo proxecto figura en
poder da Demarcación de Estradas do Estado en Ourense.
A lonxitude da autovía A-76 -en torno a 125 quilómetros- e o volume de
investimentos que se estima nesta vía -que superan os 1.100 millóns de euros-
dan unha idea da importancia que esta infraestrutura de comunicación ten para
Galicia.