26 oct 2011

XESTIÓN INTEGRADA DOS CENTROS E DISPOSITIVOS SANITARIOS DE OURENSE, VERÍN E VALDEORRAS. CARACTERÍSTICAS E VANTAXES PARA A AREA SANITARIA DE VALDEORRA

1. MANTEMENTO DA ÁREA SANITARIA DE VALDEORRAS.
O Decreto 163/2011 no que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras non elimina a Área Sanitaria de Valdeorras, xa que di expresamente “(…) co mantemento do mapa sanitario vixente coas áreas de Ourense e O Barco de Valdeorras, establécese a organización da xestión no marco das políticas de redución e simplificación das estruturas administrativas”

2. AMPLIACIÓN DO ÁMBITO DE COMPETENCIAS DA ÁREA SANITARIA DE VALDEORRAS
Ata agora a Área Sanitaria de Valdeorras só tiña competencias efectivas sobre Atención Especializada (Hospital Comarcal) xa que a Atención Primaria (Centros de Saúde) tiña referencia provincial con dependencia da Xerencia (única) de Atención Primaria, do mesmo xeito que outro tipo de prestacións sanitarias como as dependentes do Servizo de Inspección e Asistencia Sanitaria, dependentes da Dirección Provincial do Sergas en Ourense.

Mediante a Xestión Integrada a Área Sanitaria de Valdeorras beneficiarase da descentralización destes servizos, que pasarán a depender directamente da Xerencia Executiva de Valdeorras, beneficiándose tanto os usuarios como os profesionais dunha xestión directa e mais coordinada desde a bisbarra dos Centros de Saúde adscritos e das Prestacións alí onde está o paciente.
.

3. GARANTÍA DE CONTINUIDADE DAS PRESTACIÓNS XA EXISTENTES
É por todos ben coñecida a problemática da Área de Valdeorras (ao igual que outras demarcacións con baixo volume de poboación) para a contratación de persoal sanitario, tanto de atención especializada como de primaria. Situación que estivo a piques de producir a suspensión da actividade cirúrxica no Hospital Comarcal por falta de anestesistas, nun pasado moi recente (Xuño de 2006), así como a dificultade de cubrir, incluso mediante oposición, prazas vacantes de facultativos tanto no Hospital Comarcal como en determinados Centros de Saúde desta Área.
A coordinación de tódolos centros sanitarios da provincia garante o mantemento das especialidades que na actualidade se ofertan desde o Hospital Comarcal de Valdeorras, así como a continuidade e proxección de futuro desta Área Sanitaria.

É unha realidade que a competencia entre centros, de cara a contratación de profesionais, favorece aos centros de maior tamaño, onde estes facultativos contan de entrada con mais posibilidades de practica profesional, acceso a tecnoloxías e formación.

Co traballo “integrado” de todo o sistema público provincial, Valdeorras, ao igual que tódolos centros de Ourense gañarán poder de contratación e atractivo para os profesionais, xa que se lles poderá ofrecer un amplo abano de áreas de traballo, sectores de poboación e variabilidade demográfica para desenvolver a súa práctica e carreira profesional.

4. AMPLIACIÓN DE ESPECIALIDADES E SERVIZOS E SANITARIOS
O novo modelo de xestión permitirá continuar con iniciativas como a posta en marcha de Unidades comarcais de Quimioterapia ou Diálise, nos hospitais de Verín e Valdeorras, o que evita que, os pacientes destas dúas áreas, teñan que desprazarse a Ourense para recibir un tratamento propio dun hospital xeral, grazas a coordinación e seguimento destas unidades por parte dos Servizos de Oncoloxía e Nefroloxía de referencia no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Servizos de imposible implantación nun hospital comarcal e que mediante este sistema de traballo coordinado evitan longos e penosos desprazamentos dos veciños de Valdeorras e Verín.

A extensión deste ou doutros modelos, de coordinación entre centros, permitirá a ampliación de servizos e especialidades no propio Hospital Comarcal, atendendo directamente no Barco, patoloxías cada vez mais comúns. Implantando, por exemplo, no caso de Valdeorras, consultas externas de cardioloxía, endocrinoloxía ou neuroloxía. Do mesmo xeito, a nivel de Centros de Saúde permitirá desenvolver e ampliar a súa capacidade resolutiva en aspectos como Teledermatoloxía ou Cirurxía Menor.

5. VANTAXES DUN SISTEMA QUE SE ESTÁ A IMPLANTAR EN TODOS OS SERVIZOS SANITARIOS
A Xestión Integrada non afecta en absoluto ás prestacións sanitarias de cada centro, xa que tan só representa un avance mais no proceso de coordinación dos distintos centros sanitarios públicos, tanto centros de saúde como hospitais. Este modelo de “xestión” está a ser implantado en toda España, indistintamente da cor política de cada executivo autonómico, xa que técnicamente considerase o mais axeitado para mellorar a atención sanitaria.

Trátase de facilitar o paso do paciente desde o centro de saúde e de aquí ao seu hospital, e viceversa, sen barreiras burocráticas e co obxectivo último de que este non perciba atrancos no seu tratamento.

De feito o decreto de Xestión Integrada ven a desenvolver para a nosa provincia o 168/2010, no que xa se establecía este modelo a nivel autonómico, tamén recollido na vixente Lei de Saúde de Galicia (Lei 8/2008 do 10 de xullo) -aprobada polo executivo anterior- que permite pasar de xerencias de centros hospitalarios e de atención primaria, na práctica totalmente autónomos, a unha estrutura directiva e xestión integrada con responsabilidades executivas, conxuntas e coordinadas, mantendo o mapa actual de áreas sanitarias, dúas na nosa provincia: Ourense –que integra Verín- e Valdeorras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario