11 mar 2011

Todos os redutores de velocidade de O Barco teñen deficiencias e incumpren a normativa



O Partido Popular de O Barco afirma que os redutores de velocidade (badenes) do municipio teñen deficiencias e todos incumpren a normativa, co risco que supón para os automobilistas e para os seus coches. Por este motivo, O PP presentará unha moción no concello instando a que o goberno municipal socialista adapte á lexislación vixente todos os redutores de velocidade que hai na vila.

Segundo manifestou o voceiro popular e candidato á Alcaldía, Moisés Blanco, "ningún dos redutores de velocidade que foron instalados nas rúas e estradas do Barco cumpre a normativa ditada polo Ministerio de Fomento o 29 de outubro de 2008".

Moisés Blanco e varios membros do seu partido, coa normativa, metro e nivel en man percorreron todos e cada un dos redutores de velocidade que hai no Barco, e a conclusión foi que ningún deles cumpre as normas establecidas malia que foron instalados en distintas épocas. Segundo Moisés Blanco, "cando un paso elevado cumpre as medidas, incumpre a altura, ou a pintura, ou o material, ou a sinalización. A conclusión é que non se seguiu ningún criterio técnico para a súa colocación".

A instrución técnica para a instalación de redutores de velocidade, na súa disposición transitoria única, indica que aqueles que estivesen en fase de aprobación ou execución deberían de adaptarse á normativa antes da súa instalación. Así mesmo, tamén concede un prazo de 2 anos para adaptar todos os existentes, prazo que rematou o pasado 30 de outubro de 2010. Para iso, todos os pasos terían que axustarse ás seguintes medidas: non superar unha altura de 10 centímetros, unha lonxitude de 4 metros e unhas ramplas de suba e baixada de entre 1 e 2,5 metros de lonxitude.

O feito de que ningún dos redutores de velocidade cumpra a norma e que nin tan sequera fosen adaptados, Moisés Blanco, considérao como "unha proba máis da improvisación e a falta de planificación do goberno socialista do Barco, a quen pouco lle importa o cumprimento das leis".

Moisés Blanco afirma que "é urxente a súa adaptación á norma, primeiro porque hai que cumprir a lei, e segundo para evitar máis danos nos vehículos que á súa vez terían que ser custeados polo concello".

No hay comentarios:

Publicar un comentario